Liga Atlántica 2007 - Categoría Junior

A pasada fin de semana disputouse en Figueira da Foz unha nova edición da Liga Atlántica na que participou o equipo júnior da Federación Galega de Tenis, os seus compoñentes foron: Paula Álvarez Pino, María Varela Piñeiro, Cristián González Méndez e Pablo Lijo Santos.

 

O equipo galego por ser cabeza de serie número 2 entrou en semifinais directamente onde se enfrontou á Asociación de Tenis Leiria, que gañou por 3-1. As vitorias conseguíronas Paula, María e Cristián, ningún deles tivo excesivos problemas para derrotar aos seus rivais; mentres que Pablo caeu nun duro partido no terceiro set contra un dos rivais máis fortes que atopamos.

Na final a Asociación de Tenis do Porto foi o rival e presentou un equipo moi forte sobre todo na parte masculina onde Pablo e Cristián, a pesar de xogar dous dignos partidos, non foron quen de acadar unha vitoria que estiveron moi preto. O hándicap de idade, os nosos xogadores eran 2 e 3 anos máis novos que os rivais tiveron moito que ver, xa que a mellor condición física e experiencia foron factores importantes nos dous partidos.

Nos partidos femininos, Paula disparou por experiencia e gañou ao seu rival en dous sets, mentres que María, despois dun maratón de case 3 horas, non puido acadar a vitoria a pesar de comezar gañando o primeiro set. Esta derrota por 3-1 déixanos mal sabor de boca xa que os 3 partidos foron bastante axustados e cunha vitoria nun deles habería que xogar un dobre mixto para romper o empate, polo que a historia podería ser diferente.

Crónica de Jorge González
(Capitán do equipo junior ~ Liga Atlántica 2007)

Comparte