José Antonio Pereiro Rodríguez, novo membro do Comité de Adestradores da Federación Internacional de Tenis (ITF)

O actual presidente da Federación Galega de Tenis e vicepresidente da Real Federación Española de Tenis, José Antonio Pereiro, foi nomeado membro do Comité de Adestradores da ITF a proposta da RFET. "Quero agradecer á ITF, e en especial a Joan Margets e Francesco Ricci a súa sensibilidade co que significa hoxe o tenis español, coincidindo en que España está representada nos sectores estratéxicos máis sensibles", comentou o presidente da RFET, José Luis Escañuela.

Fundado en 1992, no marco do Sétimo Congreso Mundial de Adestradores celebrado en Dublín, o Comité de Adestradores é o órgano competente para informar á ITF sobre asuntos relacionados coa formación e a produción de novos materiais educativos. Esta Comisión, que se reúne dúas veces ao ano, está formada por adestradores das principais nacións do deporte do tenis de todo o mundo.

Nado en Lugo, José A. Pereiro é enxeñeiro técnico agrícola que desenvolve a súa actividade profesional no Instituto Nacional da Seguridade Social. Profesor nacional de tenis desde 2.002 e árbitro nacional desde 1.999, ocupará este posto durante o período 2.013-2.015.

Dende a Federación Galega de Tenis, agradecemos o traballo e o esforzo diario de todos os axentes galegos de tenis, que fixeron posible que esta institución estivese representada nos últimos anos tanto a nivel nacional como internacional.

 

Comparte