Gala do Tenis 2013

O Museo Interactivo de Historia de Lugo, acolleu a vixésimo quinta Gala do Tenis de Galicia, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Lugo, José López Orozco, entre outros representantes de institucións e membros da Federación Galega de Tenis, encabezados polo seu presidente , José Antonio Pereiro, que cos galardóns outorgados recoñeceu os méritos acadados polos xogadores galegos ao longo da tempada.

O numeroso público asistente ao acto compartiu unha emotiva homenaxe ao lucense Óscar Burrieza, unha das mellores raquetas galegas de todos os tempos, que, ao longo da súa carreira, acadou rotundas vitorias contra rivais na categoría de Magnus Larsonn, Ivan Ljubicic, Marat Safin. .. Unha lesión temperá no xeonllo precipitou a súa retirada, logo de acadar un gran récord, grazas á súa constante afección polo tenis, que o levou a converterse nun referente como xogador e, hoxe, como adestrador deste deporte. A Federación quixo perpetuar este recoñecemento co establecemento do premio Oscar Burrieza ao mellor tenista da tempada, que desta volta foi para Roberto Rodríguez, mentres que Natalia Galán foi a mellor na categoría feminina.

O club de tenis Coruña destacou no capítulo por equipos, gañando gran parte dos galardóns autonómicos, motivo polo que a súa presidenta, María José del Castillo, recibiu o premio á mellor entidade da campaña.

Tamén houbo premios para moitos atletas individuais polos seus éxitos durante o ano. Así, Álvaro Illobre gañou de novo o Campionato de España en cadeira de rodas, e Miguel Casal e Miguel Lapido gañaron o nacional de +35 dobres. As novas promesas tiveron o seu espazo na Gala coa presenza de Rafael Izquierdo, flamante campión de España sub 13 e cun gran futuro por diante.


Prensa:

Galardoado:

 

 

Comparte