Alerta - Recomendación para suspender as actividades deportivas ao aire libre

A Secretaría Xeral para o Deporte recomenda suspender hoxe xoves actividades deportivas ao aire libre na costa galega

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por un temporal costeiro que afectará o litoral da Coruña e Pontevedra a partir desta mañá, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo , ademais das choivas na Coruña
 
Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por un temporal costeiro que afectará o litoral da Coruña e Pontevedra a partir desta mañá, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo, ademais das choivas na Coruña. Segundo os informes da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), prevese vento do sur ou do suroeste que poida chegar aos 100 quilómetros por hora e que afectará ás provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo a partir de mañá. No resto da comunidade, o nivel de alerta será amarelo con refachos de ata 95 quilómetros por hora.
 
A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico costeiro adverso de nivel laranxa na costa das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste, que poden alcanzar a forza oito. Ademais, activarase a alerta laranxa debido ás intensas e persistentes choivas durante todo o día de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas de ata 12 mm en 90 horas .
 
Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte insta á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas.
 
Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte pretende preservar a seguridade de atletas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operadores e garantir que non se produza ningún incidente nas instalacións.
 
No caso de requirir información máis específica ou detallada, chame ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ou consulte a páxina web de AEMET: www.aemet.es., CAE 112: www. axega112. gal e Meteogalicia: www.meteogalicia.es
Comparte