Modificación de medidas de prevención polo COVID-19

Publicamos a ORDE do 9 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada
polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada
polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
 
Conforme o punto sexto do dito acordo, as medidas preventivas previstas nel deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Neste sentido, mediante sucesivos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño, e do 17, do 23 e do 30 de xullo, introducíronse determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020.
 
Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo. Deste modo, mediante ordes da Consellería de Sanidade, do 12, do 15, do 25, do 27 e do 28 de agosto de 2020, introducíronse determinadas modificacións no anexo.
 
En concreto, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2020, recolléronse unha serie de medidas para promover o uso xeneralizado da máscara, pois, ao
demostrarse que é unha das medidas máis eficaces para previr a transmisión da enfermidade, resultaba necesario reforzar a súa utilización, ampliando os supostos en que o seu uso resultaba obrigatorio, co fin de evitar, especialmente, que as persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección procedan á súa transmisión.
 
A ampliación dos supostos de aplicación da obriga xeral de uso da máscara foi acompañada, non obstante, da previsión de regras específicas, tendo en conta as particularidades de determinadas actividades, ademais de que tamén procedía prever excepcións a aquela regra xeral en atención a razóns xustificadas, fundamentalmente relacionadas coas circunstancias persoais ou coa natureza ou condicións de determinadas actividades, como pode ser o deporte.
 
No contexto actual, á vista dos coñecementos que se van tendo das potenciais vías de transmisión da enfermidade, e de acordo co principio de precaución, as excepcións ao uso de máscara introducidas polo dito acordo do 17 de xullo de 2020 deben matizarse, en concreto no que atinxe á actividade física e deportiva que se leve a cabo en espazos pechados.
 
E iso porque a posible transmisión por aerosois debe ser tida en conta especialmente nestas actividades de maior intensidade.
 
Pola mesma causa, a ventilación dos espazos pechados nos que se realizan as actividades físicas e deportivas debe ser tamén reforzada.
Resulta necesario, en consecuencia, proceder á modificación do anexo do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 co fin de introducir precisións respecto do uso de máscara e da ventilación no caso de actividades físicas e deportivas realizadas en espazos cubertos.
 
En atención ao exposto, escoitado o Comité Clínico de Expertos, de acordo co disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente dada polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de xullo de 2020, e na condición de autoridade sanitaria conforme o previsto no artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,
 
DISPOÑO:
 
Primeiro. Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade 
 
O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, queda modificado como segue:
 
Un. O ordinal 8º da letra d) do número 1.3 do anexo, queda coa seguinte redacción:
 
«8º) No caso de actividade física e deportiva en instalacións cubertas, o uso da máscara só quedará exceptuado para a realización de deportes que requiran a utilización de pistas específicas, tales como tenis, pádel, squash ou pistas polideportivas, exclusivamente durante a realización das ditas actividades específicas e sempre que a ocupación máxima da pista se axuste ás regras do xogo ou actividade deportiva e tendo en conta os protocolos aprobados para a dita instalación».
 
Dous. A letra a) do número 3.20.4 do anexo queda coa seguinte redacción: 
 
«a) Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado e promoverase o seu emprego».
 
Tres. Engádese unha letra f) no número 3.20.4 do anexo, coa seguinte redacción:
 
«e) Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de polo menos 30 minutos ao inicio e final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada clase ou actividade de grupo. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberase aumentar a subministración de aire fresco e non poderá empregarse a función de recirculación do aire interior».
 
Segundo. Eficacia
 
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
 
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020
 
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade
 
 
 
Comparte