Programación «Deporte para a Igualdade»

A Concellaría de Deportes do Concello de A Coruña envíanos a programación de dúas actividades que detallamos por se son do voso interese:

«Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres o 25 de novembro e do Día Internacional da Discapacidade o 3 de decembro, a Concellaría de Deportes inaugurará a exposición fotográfica «Deporte para a Igualdade» no Fórum Metropolitano este venres 25 de novembro ás 16:30 horas. Nela participan diversos clubs e deportistas da cidade e achéganse máis de 40 fotografías protagonizadas por deportistas coruñesas de diferentes disciplinas deportivas. Desde a Concellaría de Deportes temos o pracer de convidarvos a visitar a devandita exposición, que permanecerá aberta ata o 3 de decembro.

Ademais, o mesmo día, venres 25 de novembro, poñerase en marcha un ciclo de charlas sobre a igualdade no deporte. A programación componse de sete charlas que se van celebrar desde o 25 de novembro ata o día 3 de decembro, ou ben no Fórum Metropolitano, ou ben no Palacio dos Deportes de Riazor. Todas son de balde ata completar a capacidade e non é preciso inscrición previa. Achegamos o calendario coa programación das sete charlas.»

Comparte