Jana Fett remontou a Lesley Pattinama e dálle a Croacia o segundo título consecutivo no Internacional Cidade de Vigo

  • Pattinama, vencedora no Club Santo Domingo, quedou sen dobrete en Galicia tras perder por 7-6 (5), 3-6 e 1-6
  • Fett, segunda cabeza de serie, recibe case 4.000 dólares pola vitoria, o seu sétimo título ITF, o primeiro de 2023.
  • Gran ambiente en Samil e entrega de premios á que asistiron o presidente da FGT, José Mosquera, e o edil Manel Fernández

 Vigo, 27 de agosto de 2023.- Jana Fett (Zagreb, 1996), cabeza de serie número 2 do torneo e número 239 do mundo, deu a Croacia o segundo título, e consecutivo, nun Internacional Cidade de Vigo, tomando o relevo da súa compatriota Antonia Ruzic, gañadora en 2022. A raqueta agramita impúxose cunha remontada ante Pattinama, terceira favorita e 251 do ranking, 6-7 (5), 6-3 e 6-1 tras dúas horas e vinte e un minutos de gran xogo. Foi a final máis longa desde que a FGT recuperou o torneo vigués, con patrocinio municipal, en 2021, aínda que non é o choque máis longo deste campionato.

De paso, a balcánica esmagou a posibilidade de que Lesley Pattinama Kerkhove (Goes, Holanda, 1991) gañase un dobrete na xira galega do World Tennis Tour da ITF. Pero por terceiro ano consecutivo quen se impuxo en Ourense non repetiu en Vigo.

E iso que o primeiro set levouno a holandesa 7-6 (5). Como en Luxemburgo en 2017, a última vez que se mediron. Pero é que o partido foi un tobogán sen control, cun primeiro xogo cedido por Pattinama, que recuperaba o seu saque perdido con cinco xogos en fila. Lesley buscaba fantásticas diagonais para despois de mover á súa rival e sentenciar cun paralelo inalcanzable. En trinta e un minutos de xogo, serviu para gañar o set. Despois, tivo un 40-15... e chegou outra media hora de dominio croata. Do 5-1 ao 5-6 e co agravante de que con 5-4 tivo un 15-40 con dúas dereitas longas de Jana e unha bola á rede. Pero Fett sacou o seu drive gañador para poñer o 5-5 e tomar a vantaxe (30-0 a 30-40) para servir no duodécimo xogo. E aquí chegou a tolemia. Un 15-40 para Lesley, de novo, de novo contestado, e ata seis bolas de set para a croata que non puido definir. Ao desempate

Pattinama era máis sólida. Comezou sacando, rompeu o servizo rival (2-1) e consolidou a súa vantaxe cunha volea e un paralelo (4-1). No 5-2, puido permitirse o luxo de enviar un balón á rede co seu saque. Achegouse a sua rival (6-5) pero se lle foi unha dereita para o 7-5.

Realmente non había máis. Fett, que necesitara demasiados segundos saques, puido afundirse por perdoar tantas bolas de set (seis)... pero a neerlandesa tamén tivo ocasión no sétimo e décimo para sentenciar e non o fixo nun partido con dous excelentes pegadoras.

No segundo set, a croata rearmatouse, gañou o seu saque con autoridade e rompeu, tamén con facilidade, o da súa rival no cuarto xogo (3-1). Puxéronse 4-1 e impúxose 6-3 co seu servizo en branco. O resultado converteuse nunha copia do seu último enfrontamento. Na terceira manga, tras romper mutuamente o saque (1-1), Fett volveu gañar un xogo ao resto (2-1), pechou o 3-1 cunha gran diagonal de dereita e acabou paseando con xogos en branco para o 4-1 e 6-1, en ambos casos ao resto.

A croata embolsouse 3.935 dólares por 2.107 dólares para o subcampioa. Ningunha holandesa gañou en Vigo en vintecinco edicións. España lidera a lista de países, con oito títulos, cinco de Francia e dous de Portugal e Croacia. Ademais, houbo campioas de Suecia, Hungría, Colombia, Italia, Irlanda, Gran Bretaña, República Checa e Australia.

Para Fett é o seu sétimo título ITF en categoría individual desde 2014 e o primeiro logrado este ano, ademais de estrearse como gañadora en España. A croata, que en novembro cumprirá 27 anos, confirmou á organización o seu desexo de "volver ao Top 100 mundial", que alcanzou en 2017. "Despois de cada partido disputado en Samil iba a correr. A súa actitude e rutinas buscan conseguir maiores obxectivos”, apuntou Pablo González, director do torneo vigués. Fett acudirá ao 60.000 de Montreux (Suíza) en dúas semanas.

No acto de entrega de premios, Manel Fernández, concelleiro de Deportes, asegurou que “faremos unha nova edición o próximo ano, e se é posible, en mellores condicións para o seu desenvolvemento porque o Internacional é unha parte estable do calendario deportivo da cidade”. O edil coincide co presidente da Galega, José Mosquera, en dar continuidade a un evento que xa se celebrou, baixo o manto federativo, máis veces nas instalacións municipais de Samil (trece) que no Club de Campo, onde comezou con Fernando Rey a finais dos oitenta.

Circuíto ITF galego-castelán

O groso das favoritas que competiron en Vigo (Dmitruk, Pattinama, Bozovic, Brogan, Georgina García ou Kubareva) desprázanse agora ao Valladolid Open, outro 25.000 que non se disputaba desde 2016.

A continuidade en Castilla y León dos torneos internacionais femininos de 25.000 dólares reforza a posición de Galicia para traer mellores xogadoras a Ourense e Vigo en 2024, para satisfacción de Mosquera, que tamén se mostra satisfeito coa excelente entrada rexistrada polas pistas de Samil.

Alberto Ovenza

Comparte