Máster Galicia Head Tour 2025
A pasada fin de semana, o circuíto Galicia Head Tour chegou ao seu fin coa celebración do Máster Head 2025.
Tras unha tempada intensa na que se disputaron 5 torneos, incluídos os campionatos de Galicia de cada categoría, chegaron ao máster os 8 xogadores e xogadoras con puntuacións máis altas do circuíto.
O Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo foi o encargado de acoller este evento, no que se celebraron partidos moi emocionantes, que demostran o nivel destes xogadores.
Na categoría alevín masculina, o gañador foi o xogador local Daniel Costa, tras derrotar na final a Rodrigo Álvarez, do Club de Tenis El Rial, por 6/1-6/2.
Na categoría feminina, Carla Viñas, de Ureca, venceu na final a Leire Vázquez, do Club de Tenis El Rial, por 6/3-6/4.
No infantil masculino, Thiago Salgado, xogador do R. Club de Tenis Coruña, impúxose nun partido igualado ante Hugo Nogueira, do Mercantil de Vigo, por 3/6-6/2-10/8.
En infantil feminino, Yaiza Quián, do R. Club de Tenis Coruña, tamén necesitou do supertiebreak para vencer á súa compañeira de club Laura López, cun resultado de 5/7-6/3-10/5.
Na categoría cadete masculina, Mateo Valares, do Fluvial de Lugo, gañou contra Federico Cabrera, xogador do Mercantil de Pontevedra, despois de que este último tivese que abandonar por lesión cando o partido marcaba 3-0 para o Valares.
Na categoría cadete feminina, Maire Grace Ryan, do R. Club Tenis Coruña, levou a vitoria ante Noa Rodríguez, do CT As Termas, por 6/2-6/4.
Xa na categoría júnior, Gonzalo González, do C. Tenis Tui, venceu a Federico Cabrera, do Mercantil de Pontevedra por 7/5-6/3.
Na categoría júnior feminina, Maire Grace completou un dobrete de vitorias ao derrotar a Sofia Villa, do CT Codesal, por 6/4-6/3.
A entrega de premios contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Tenis, D. José Mosquera, e de Carlos Coira, coordinador do Circuíto Galicia Head Tour.
A Federación Galega de Tenis quere agradecer ao CC Mercantil e Ind. de Vigo a cesión das súas instalacións para este evento, así como a todos os clubs que acolleron eventos do circuíto ao longo do ano 2025: CCD Sanxenxo, R. Aero Club de Santiago, Sp. Club Casino Coruña, CT Recreo Cultural, CT El Rial, Squash Santiago, CT Pontevedra, CT e Santo Domingo.
É necesario felicitar a todo o equipo arbitral que participou no circuíto: Comité Galego de Árbitros, xuíces árbitros, xuíces asistentes e xuíces de cadeira; o seu traballo é esencial para o bo desenvolvemento dos torneos.
Os nosos parabéns a todos os nenos e nenas que xogaron no circuíto, que rexistrou un total de 1656 inscricións, un récord nos últimos anos, e que tamén se combinou co Torneo Gadis Benxamín, que contou con 177 inscricións nas 5 probas celebradas.
Cómpre destacar o gran ambiente xeral entre todos os xogadores, onde prevalece a deportividade e se forxan lazos de amizade entre eles, algo que sen dúbida permanecerá con eles durante moitos anos.
É fundamental agradecer aos pais, nais e mesmo aos avós e outros familiares que fixeron o esforzo de acompañar aos nenos para que puidesen competir nos torneos do circuíto.
Por último, queremos realizar un especial agradecemento á marca Head e ao resto de patrocinadores, que fan posible que o circuíto siga tendo éxito ao longo dos anos.
A combinación de todos estes elementos: Federación Galega de Tenis, Clubs Sede, equipo arbitral, familias, patrocinadores, adestradores e, por suposto, xogadores e xogadoras, converte o Circuíto Galicia Head Tour non só no circuíto de referencia para o tenis galego, senón que tamén garante que se manteña entre os mellores circuítos rexionais de España.
Listaxe de campións/oas:
Alevín:
- Campión Máster GHT Alevín – Daniel Costa Sestelo
- Subcampión Máster GHT Alevín – Rodrigo Álvarez Negreira
- Campioa Máster GHT Alevín – Carla Viñas Fontán
- Subcampioa Máster GHT Alevín – Leire Vázquez Rodicio
Infantil:
- Campión Máster GHT Infantil – Thiago Salgado Campos
- Subcampión Máster GHT Infantil – Hugo Nogueira Rodríguez
- Campión Máster GHT Infantil – Yaiza Quian Darriba
- Subcampioa Máster GHT Infantil – Laura López González
Cadete:
- Campión Máster GHT Cadete – Mateo Valares Otero
- Subcampión Máster GHT Cadete – Federico Cabrera Pérez
- Campioa Máster GHT Cadete – Máire Grace Ryan Pías
- Subcampioa Máster GHT Cadete – Noa Rodríguez Sindin
Junior:
- Campión Máster GHT Junior – Gonzalo González Fernández
- Subcampión Máster GHT Junior – Federico Cabrera Pérez
- Campioa Máster GHT Junior – Máire Grace Ryan Pías
- Subcampioa Máster GHT Junior – Sofía Villa Bento

























