Máster do Circuíto Galicia Head Tour 2024
Esta fin de semana rematou o Máster do Circuíto Galicia Head Tour 2024.
Despois de todo un ano de torneos, os 8 xogadores con maior puntuación do circuíto disputaron, nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, o Máster Head no que viviron emocionantes partidos cheos de bo tenis por parte dos nosos xogadores galegos.
Na proba alevín masculina, Leví Domínguez, do Club Tenis Codesal, venceu a Hugo Nogueira, do Mercantil de Vigo nun partido que tivo que decidirse no match-tie break onde Leví remontou bola de partido para acabar gañando por 3/ 6-6/4-11/9.
Na categoría alevín femininoa, Lenda Vázquez, do C.T. Gondomar, venceu a Ariadna Pazos, do Mercantil de Vigo por 6/3-6/2, converténdose na campioa do máster sendo aínda xogadora de primeiro ano.
Na categoría infantil masculina, Mateo Vallares do Fluvial de Lugo foi o claro dominador desta categoría ao vencer na final a Yago Díaz, xogador do Mercantil de Vigo, por 6/2-6/2.
Ao contrario que na categoría masculina, na feminina, ao longo do ano houbo alternativas para varias xogadoras. No máster, Maire Grace Ryan do R. Club de Tenis Coruña impúxose por 6/2-6/1 á súa compañeira de club, Yaiza Quián.
A vitoria na proba cadete masculina foi a priori moi aberta, con varios posibles candidatos ao título e, tras dúas semifinais decididas no match-tie break, Jaime Espino, da Escola MakingTennis JNP, proclamouse vencedor ao vencer na final a Jorge Álvarez, do Club de Tenis R. Coruña, por 7/5-6/3.
No cadete feminino, Noa Pena, do Club Tenis R. Coruña, dominou a categoría en todo o circuíto e, nesta ocasión, cumpriu o seu papel de favorita ao vencer na final a outra tenista do Tenis Coruña, aínda na categoría infantil, Maire Grace Ryan, por 6/1-6/2.
Na proba júnior masculina Yeray Quián, do R.Club de Tenis Coruña, fixo valer a súa condición de cabeza de serie número 1 e venceu por 6/4-6/1 a Pablo López, do Club Tenis Recreo Cultural da Estrada, que chegara á final tras un complicado camiño, gañando os dous encontros anteriores no match tie break.
En categoría feminina enfrontáronse na final as dúas primeiras cabezas de serie, Candela Fajardo (1), do Recreo Cultural, e Sira Fernández (2) do Club de Tenis El Rial. A final estivo dominada por Candela, quen foi quen de impoñer o seu xogo e converterse na campioa do máster ao gañar 6/0-6/1.
Na entrega de trofeos estiveron presentes o presidente do Mercantil de Vigo Sergio Pazos, o director Marcos González, o director do escola Álex Soto, o director deportivo da FGTenis, Marco Casal e Carlos Coira, coordinador do Circuito Galicia Head Tour.
Dende a Federación Galega de Tenis queremos agradecer a todos os clubs que acolleron o circuíto, facilitando as instalacións para que se poidan levar a cabo estes torneos nos que se rexistraron máis de 1600 inscricións ao longo deste ano 2024.
Tamén é importante agradecer a participación do equipo arbitral, imprescindible para o bo desenvolvemento dos torneos: Comité Galego de Árbitros, xuíz árbitro, xuíces adxuntos e xuíces de cadeira.
Queremos felicitar a todos os xogadores e xogadoras que participaron no circuíto, tanto os que chegaron ás finais e recibiron un trofeo como os que non puideron alcanzalas, pero entre todos mostraron un bo comportamento nas pistas, facendo que o fair play e a deportividade foran a nota predominante nos máis de mil partidos disputados ao longo do circuíto de 2024.
Un agradecemento necesario ás familias dos xogadores, que fixeron o esforzo de viaxar aos diferentes torneos de toda a xeografía galega. Dende a FGTenis somos conscientes das dificultades que supón este aspecto e por iso tratamos de axudar na medida do posible, reducindo ao máximo o número de desprazamentos e procurando programar horarios que faciliten os desprazamentos xogadores que teñan que desprazarse dende máis lonxe ou precisen coordinar coas cuestións laborais dos pais.
Por último, queremos realizar un especial agradecemento á marca Head e ao resto de patrocinadores, que fan posible que o circuíto siga tendo éxito ao longo dos anos.
A combinación de todos estes elementos: Federación Galega de Tenis, Clubs Sede, equipo arbitral, familias, patrocinadores, adestradores e, por suposto, xogadores, fan que o Circuito Galicia Head Tour non só sexa o circuíto de referencia do tenis galego senón que, ademais, é situado entre os mellores circuítos rexionais de España.
Crónica de Carlos Coira.
Campións e campioas Máster GHT:
- Campión Máster GHT Alevín: Leví Domínguez Olivares
- Subcampión Máster GHT Alevín: Hugo Nogueira Rodríguez
- Campioa Master GHT Alevín: Lenda Vázquez Dasilva
- Subcampioa Máster GHT Alevín: Ariadna Pazos Crespo
- Campión Máster GHT Infantil: Mateo Valares Otero
- Subcampión Máster GHT Infantil: Yago Díaz Pérez
- Campioa Máster GHT Infantil: Máire Grace Ryan Pías
- Subcampioa Máster GHT Infantil: Yaiza Quián Darriba
- Campión Máster GHT Cadete: Jaime Espino Sevilla
- Subcampión Mástre GHT Cadete: Jorge Álvarez Mosteiro
- Campioa Máster GHT Cadete: Noa Pena Paz
- Subcampioa Máster GHT Cadete: Máire Grace Ryan Pías
- Campión Máster GHT Junior: Yeray Quián Darriba
- Subcampión Máster GHT Junior: Pablo López Sánchez
- Campioa Máster GHT Junior: Candela Fajardo Aranda
- Subcampioa Master GHT Junior: Sira Fernández Martis