Equipos Galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Absoluto por Equipos 2025

Rematou a participación dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Absoluto por Equipos 2025. Publicamos todos os resultados:

O equipo absoluto masculino do Real Club Tenis Coruña clasificouse para a fase de ascenso á primeira categoría do Campionato de España MAPFRE de Tenis por Equipos Absolutos 2025:

Durante a fin de semana do 13 e 14 de setembro, o Real Club de Tenis Coruña participou no Club de Tenis Lleida nunha das catro concentracións de segunda categoría do Campionato de España por Equipos Masculinos. O equipo gañador de cada concentración conseguía o pase á fase de ascenso á primeira categoría.

O sábado, o Real Club de Tenis Coruña enfrontouse ao Club de Tenis Torelló nunha longa e disputada eliminatoria marcada por unha calor abafante e unha alta humidade. Tras unha xornada intensa, o equipo galego gañou por 4-3, asegurándose unha praza na final do domingo contra o equipo anfitrión, o Club de Tenis Lleida.

O domingo, a partir das 10:00 horas, xogouse a final nun ambiente espectacular, aínda máis caloroso que o día anterior. Un vez máis, a eliminatoria decidiuse nos dobres. No partido final e decisivo, coas bancadas ateigadas de público, o Real Club de Tenis Coruña conseguiu unha emocionante vitoria por 4-3, asegurándose a clasificación para a rolda de ascenso á Primeira Categoría, que se xogará os días 18 e 19 de outubro nunha sede aínda por confirmar.

Equipos clasificados para a fase de ascenso:

  • Real Club de Tenis Coruña
  • CT Reus Monterols
  • A.D. Stadium Casablanca
  • Campus T.C.

Os integrantes foron Jorge Álvarez, David Cao, José Basanta, Noel Villarrabide, Luis Fernández e Miguel Casal e o capitán Jesús Bouza.


Equipo absoluto masculino do Club de Tenis Recreo Cultural:

A fin de semana do 13 e 14 de setembro, o Club de Tenis Recreo Cultural viaxou a Getafe para xogar a primeira rolda do Campionato de España por Equipos Absolutos de Terceira División, o segundo ano que o club compite neste campionato. A eliminatoria xogouse ás 13:00 horas do domingo baixo unha calor intensa. Tras unha tanda de individuais con moita igualdade, pasaban aos dobres cun 2/3 abaixo para A Estrada. Con todo en contra e a vitoria ao alcance da man despois duns fantásticos partidos de dobres, só unha lesión de Pablo López impediu a vitoria, rematando cun marcador de 4/3 para Getafe.

A súa última xornada foi o 5 de outubro na Estrada. Perderon por 5-2 contra o CD Club Raqueta Valladolid.

Os integrantes do equipo foron: Pablo López, Rafa Calviño, Ian Rodríguez, Martin Fernández, Alberto Lopez e o capitán Miguel Sánchez.


O equipo absoluto feminino do Club de Tenis Recreo Cultural consegue a permanencia:

O equipo absoluto feminino do Club de Tenis Recreo Cultural participou na fase de grupos do Campionato de España Iberdrola de Tenis Absoluto por Equipos Femininos de 2ª Categoría. A concentración tivo lugar na Estrada os días 6 e 7 de setembro.

O grupo completárono os equipos do Club Tenis Pamplona e do R.G.C. Covadonga, xa que o R.C.T. Gran Canaria se retirou da competición.

O equipo galego perdeu contra o Club Tenis Pamplona por 4-1 nas semifinais e mantense na segunda categoría, xa que tres equipos se retiraron da competición e descenden directamente.

As integrantes do equipo foron: Candela Fajardo, Legna Filloy, Sofía Morales e Lucia Del Valle.

Comparte