Campionato Galego por Equipos Pickleball 2026
A FGTenis lanza o primeiro Campionato Galego por Equipos de Pickleball.
A Federación Galega de Tenis continúa a impulsar o crecemento do pickleball na nosa comunidade coa posta en marcha do primeiro Campionato Galego por Equipos de Pickleball, unha competición creada co obxectivo de fomentar a participación, a competición organizada e o desenvolvemento deste deporte en Galicia.
O campionato terá un formato de dúas fases. Na primeira fase da liga, os equipos competirán en grupos a tres voltas, garantindo así un maior número de enfrontamentos e a continuidade competitiva para todos os participantes.
Unha vez rematada esta fase inicial, a competición pasará a unha fase final dividida en dous niveis:
- Fase Final Ouro, que disputarán os dous primeiros clasificados de cada grupo.
- Fase Final Prata, na que participarán os dous últimos clasificados de cada grupo.
Este formato permitirá adaptar a competición ao nivel dos equipos, favorecendo encontros máis equilibrados e atractivos na fase decisiva.
Con esta iniciativa, a FGTenis reforza o seu compromiso co pickleball, consolidando novas estruturas competitivas que responden ao crecente interese por este deporte en Galicia.

