Campionato de España de Tenis Praia Absoluto 2025

Esta pasada fin de semana celebrouse no Parque do Mediterráneo (Marbella) o Campionato de España Absoluto de Tenis Praia, onde Galicia volveu estar presente con representantes destacados tanto na categoría feminina, masculina como mixta.

Comezamos coa categoría individual, Galicia estivo representada por Olalla Maroto e Diego Negreira, ambos acadando moi bos resultados.

Olalla conseguiu chegar ás semifinais tras vencer a María Milan por 7-3 na primeira rolda e, nos cuartos de final, á canaria Eva Santana (7-4). Xa nas semifinais, foi derrotada pola andaluza Laura Jiménez (7-2), que se proclamaría campioa contra a melillense María Martínez.

Diego, tras gañar dúas roldas, a primeira contra Benoit Salaun por 7-1 e nos oitavos de final por 7-4 contra o balear Óscar Rodrigo, conseguiu colocarse entre os oito mellores xogadores, perdendo contra o andaluz Samuel Hernández (7-4) nos cuartos de final.

Pasamos á categoría de dobres absolutos:

No cadro feminino, a parella representativa, formada por Eva Fantova e Lydia García, comezou a súa andaina cunha traballada vitoria contra Grimanesa Santana e Francisca Sintes (cabezas de serie número 8), resolvendo o encontro no super tie-break cun resultado de 6-3/2-6/10-6. Nos oitavos de final, enfrontáronse ás catalás Ingrid Vila e Sira García, que gañaron un axustado duelo por 3-6/6-4/8-10, deixando unha gran imaxe das galegas nun dos encontros máis disputados da xornada.

Pola súa banda, Olalla Maroto, emparellada coa aragonesa Ana Bazán, tivo unha dura estrea contra Laura Jiménez e Eva Santana, caendo por 6-3/6-4 nun duelo disputado.

Xa na consolación conseguiron superar a primeira rolda contra as catalás Laura Juan e Maribel Vives (9-3) e, ao foron superadas nas semifinais pola canaria Grimanesa Santana e a balear Francisca Sintes (9-6), que se proclamarían campioas de consolación.

No cadro masculino, os únicos representantes gallegos foron Jorge Martínez e Diego Negreira, que se enfrontaron no seu primeiro encontro aos favoritos, os canarios Saulo Tejada e Álvaro García (cabezas de serie 1), perdendo por 6-2/6-1. Na consolación, amosaron unha gran reacción e espírito competitivo chegando á final: primeiro vencendo aos canarios Antonio Yus e Pablo Rodríguez por 9-3; 9-5 aos andaluces Alejandro Abadía e Liberto Amate; 9-4 aos melillenses Mohamed Douiri e Álvaro Ibáñez; Derrotaron aos baleares Guillermo Valmitllana e Óscar Rodrigo por 9-6, e finalmente caeron por 5-9 contra os canarios David López e Álvaro Machín nun partido moi disputado que supuxo o final da súa paticipación como subcampións na proba de consolación.

Na categoría mixta, a parella representativa formada por Jorge e Lydia caeu na rolda de dezaseisavos ante o dúo canario-catalá formado por Iván Delgado e Ana Romero por 6-4/6-0, tras vencer á parella catalá-balear, Julia Llobet-Xabier Bosch, por 6-4/6-4.

Tamén na categoría mixta, Diego formou parella con Begoña Montenegro, que se proclamaría campioa de consolación mixta tras perder na primeira rolda por 6-3/7-6(4) contra os cataláns Natalia Gomez e Alex Albors. Olalla participou co xogador vasco, Juan Murueta, e tamén foron derrotados na primeira rolda por 6-3/6-0 por Verónica Blaubach e Mario Ferrer, caendo finalmente nas semifinais de consolación ante os xa mencionados campións, Diego e Begoña.

Finalmente, unha especial noraboa aos campións Pol Filella e Iván Delgado, tras vencer aos xogadores baleares Aitor Catchot-Sergi Bagur por 6-4/7-6(5) nunha dura final; e as catalás, Ariadna Costa e Eva Fernández, que demostraron un ano máis o seu gran nivel e dominio, gañando o encontro por 6-1/6-1 ante a parella catalá-melilla, Natalia Gómez-María Martínez. Parabéns tamén á parella mixta gañadora, formada por Daniela Rodríguez de Canarias e Nicolás Volpe de Melilla, contra Claudia Casas e Santi Puente de Cataluña. Así como os gañadores da categoría individual, o canario Álvaro García e a andaluza Laura Jiménez.

Queremos agradecer á organización e á RFET por este gran fin de semana, e á Federación Galega de Tenis por seguir apoiando e promocionando este deporte ano tras ano.

Crónica de Lydia García Vázquez

Comparte